Galeguizando a rede
Como pataca do país, tamén me preocupa o estado da lingua na rede.
O Día das Letras caracterízase polo ‘uso folclórico’ e anecdótico da lingua, algún xornal traduce a portada, regálanse libriños e cousas así, pero hai outros que fan algunha iniciativa decidida a prol da lingua.
Netvibes, por exemplo, estreou a versión en galego. Así, poderás ter na lingua rosaliana a túa páxina con blogs, novas, vídeos, podcasts, mail, chats, etc.

E é que onte foi o Día das Letras e mailo día de Internet. E tamén nos enteramos que no cibermundo o galego está máis ca subvencionado. Segundo o investigador do IDESGA Carlos Macía, a metade da produción web galega depende de cartos públicos. Pesimistas? Non, hai datos positivos. Por exemplo, os 3.000 blogs que ten indexados Blogaliza. Hai contido en galego e feito sen subvención.


